Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

venres, 10 de maio de 2013

Constitúese a Comisión de investigación do contrato de limpeza, mantemento e conserxería das instalacións deportivas de Fene

Este mércores deron comezo os traballos da Comisión de investigación que trata de aclarar e aportar información aos grupos municipais do desfase entre o servizo contratado e o realmente facturado.
 
Foi no pasado Pleno do 2 de maio onde se aprobou por unanimidade a creación desta Comisión de investigación. Para o BNG, que foi quen fixo a proposta, é necesario por branco sobre negro neste asunto. Existen irregularidades como é que se facturou dúas veces  polo mesmo traballo, “isto ou ten unha explicación ou hai alguén que terá que ter responsabilidade” afirmou o portavoz Manuel Polo.
 
Xa no mes de marzo tivera que comparecer a concelleira Rocío Bértoa a petición dos nacionalistas, naquela comparecencia quedaron cuestións sen aclarar, e máis ben serviu para confundir máis a quen non tivese toda a información.
 
Na Comisión constituída este mércores os nacionalistas solicitaron unha aclaración polo miúdo de todas as facturas da empresa Eulen emitidas nos meses que leva desenvolvendo o contrato e ao tempo que o goberno explique as grandes diferenzas económicas existentes entre o contrato elaborado en 2012 e o que se está a licitar na actualidade. Son uns 60.000 de diferenza que non tiveron unha explicación  soportada documentalmente cun informe técnico.
 
 

venres, 3 de maio de 2013

TRES INICIATIVAS DO BNG ENCHEN DE CONTIDO O PLENO DE FENE DO MES DE MAIO

As iniciativas nacionalistas son as que ocuparon a parte principal do Pleno ordinario de maio onde o goberno so levou unha proposta. O BNG presentou, no pleno ordinario de onte, dúas mocións; unha na que se rexeitan as políticas do Goberno central contrarias aos intereses de milleiros de familias afectadas pola fraude das participacións preferentes e subordinadas que vén como o PP legaliza o roubo dos seus aforros a través da imposición dunha quita e da imposición dun troco obrigatorio por accións de nula solvencia.  Ademais  a moción declara persoas non gratas no noso concello aos 15 deputados e deputadas do PP de Galiza polas graves consecuencias que o seu apoio incondicional á aprobación de normas que legalizan as quitas ás persoas titulares de participacións preferentes e débeda subordinada. Esta moción foi aprobada coa abstención do PP.
 
Por outro lado aprobouse por unanimidade unha segunda moción na que  se solicita a creación dunha comisión de investigación conformada por todos os Grupos Municipais para aclarar, e se é o caso depurar, as responsabilidades existentes derivadas do contrato de mantemento, limpeza e conserxería das instalacións deportivas. Trátase dun tema que sigue sen estar claro e no que desde o BNG esiximos transparencia.
 


Por último os nacionalistas presentamos unha proposta de regulamento de acollementos civís. Este regulamento foi demandado por pais e nais que tiñan a vontade de celebrar a inscrición no concello do seu  fillo ou filla. Trátase de darlle formalidade e protocolo a un acto civil  que no fondo  é unha benvida á comunidade á que ven a formar parte unha nova persoa normalmente un bebe.  Esta proposta tamén foi aprobada por unanimidade.


 
 
 


xoves, 2 de maio de 2013

O GOBERNO DO PP EXCLÚE ÁS EMPRESAS LOCAIS DUNHA ADXUDICACIÓN DE 577.O25,48 €

O Grupo Municipal do BNG  rexeitou participar na Mesa de Contratación que ten que adxudicar os servizos de limpeza, mantemento e conserxería das instalación deportivas do Concello de Fene por un importe de 577.025,48 máis IVE para tres anos. A razón fundamental desta  postura dos nacionalistas ven determinada pola aprobación pola Xunta de Goberno Local dunhas condicións para presentarse ao que non poden acceder as empresas de Fene nin da Comarca de Ferrol. O prego de prescricións administrativas esixe clasificacións en mantemento e limpeza do nivel máis alto e que está orientado para favorecer ás grandes empresas multiservizos e que impiden na práctica o acceso das empresas locais. En toda a provincia da Coruña tan só hai 3 empresas que contan coas dúas clasificacións esixidas.
 
“En pleno debate do Plan de reactivación económica e polo emprego non é de recibo que o goberno de Fene impida o acceso aos concursos ás empresas locais favorecendo ás multinacionais” afirmou o concelleiro nacionalista Juventino Trigo.
 
As ofertas presentadas hoxe no Concello veñen a confirmar este extremo criticado polo BNG,  xa que as empresas son dúas de Madrid, unha de Valladolid, unha de Segovia e a última de Bilbao.