Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

xoves, 11 de xullo de 2013

Festa Comarcal do BNG en Fene

Xantar do país, música en directo e moi boa compañía o 20 de xullo en San Valentín!!

Para celebrarmos o Día da Patria, desde o BNG comarcal organizan unha xornada festiva o vindeiro sábado 20 de xullo no paseo de San Valentín (Fene). Comeremos baixo carpa a base de mexillóns, churrasco, bebidas e sobremesa, por só 15 € por persoa. Teremos xogos para que os nenos e nenas poidan estar entretidos e divertíndose en todo momento. Acompañaranos o portavoz nacional do BNG, Xabier Vence, a partir das 19 horas. E despois, poderemos escoitar en directo a grupos de primeiro nivel da música galega como os “UlträQäns” e a “Familia Caamagno”, acompañados dos locais “Tremebundos” de Moeche e “Estimaba que Viñeras” de Fene.

Estades todas e todos convidados e podedes, por suposto, convidar a quen queirades. Sortearemos tamén unha estancia nunha casa rural galega e pasaremos una moi boa tarde-noite sen lugar a dúbidas.

O prazo para apuntarse (ao xantar) remata o 17 de xullo, e podedes facelo por calquera vía (por teléfono 981 364058, correo electrónico ferrol@bng-galiza.org ou bngfene@gmail.com, facebook comarcal ou da Asemblea do BNG de Fene, avisando á persoa responsábel local do BNG, etc.).


Non o podedes perder!!



venres, 5 de xullo de 2013

O BNG CALIFICA DE HIPÓCRITA A ACTITUDE DO PP DE FENE NO PLENO ANTE O INMINENTE PECHE DE MEGASA

O Pleno ordinario de Fene celebrado onte foi o centro da protesta dos traballadores e traballadoras da Naronesa Megasa. No punto 5 da orde do día ía a moción, que por unanimidade asinamos todos os grupos, de apoio á demanda de modificación do decreto que regula a tarifa eléctrica para a siderúrxica.
 
 
Na intervención no Pleno  o Portavoz nacionalista, Manuel Polo, afirmou ”o PP de Fene está realizando un exercicio de cinismo tremendo xa que aquí apoian aos traballadores de Megasa, a folga comarcal pasada, ou as demandas do naval, e logo o seu partido esmaga calquera aspiración para resolver estes problemas. Teñen dúas opcións manterse na hipocresía ou abandonar o PP”.
 
 
 
 
Os nacionalistas de Fene estamos cheos de apoios de cara a galería, porque os mesmos inútiles que nos están deixando sen opción laboral son para os que Gumersindo Galego pedirá o voto cando toque.
 
Neste mesmo sentido o BNG presentamos unha MOCIÓN DE RESPOSTA Á GRAVE SITUACIÓN DE CRISE NA COMARCA na que logo do gran paro comarcal do pasado 12 de xuño se pedía a adopción dos seguintes acordos:
 
1.- Reprobar a actitude do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza, pola posición insensíbel e enganosa perante os compromisos asumidos coa comarca e pola falta de medidas concretas na defensa do emprego e dos nosos sectores produtivos.
 
2.- Articular, dun xeito urxente e en conxunto cos diversos sectores da sociedade comarcal, medidas de presión que obriguen aos devanditos gobernos ao cumprimento das demandas que se veñen facendo nos últimos anos; e que constituíron o clamoroso e unánime berro da sociedade comarcal o pasado dia 12 de Xuño.

A moción saíu adiante coa abstención do PP que actuou esta vez  na liña de defensa do seus superiores sendo incapaces de apoiar a moción, amosando de novo a súa dobre faciana. 
 
 
Foto: Diario de Ferrol