Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

xoves, 28 de novembro de 2013

Acto sobre o Día Internacional da Non Violencia Contra a Muller

Como cada ano o BNG de Fene organiza un acto na semana do Día Internacional da Non Violencia Contra a Muller (25N).
 
Será este venres 29 ás 20 horas no noso local, o acto é aberto a todo o mundo e consistirá na proxección de varias curtametraxes e unha pequena charla-coloquio posterior coordinada pola compañeira María Sánchez. Ao remate estades tod@s convidad@s a unha degustación de cogumelos preparados, coma sempre, pola nosa compañeira Pepa.
 
Asiste e convida a quen queiras!


 
 
 

luns, 25 de novembro de 2013

O BNG FAI RECUAR AO GOBERNO LOCAL DE FENE E ASUME O PAGO DAS SUBVENCIÓNS NOMINATIVAS ÁS ASOCIACIÓNS PARA AS ACTIVIDADES DO ANO 2013

Na Comisión informativa de Promoción económica e facenda  celebrada hoxe o seu Presidente, o popular Juan José Franco, respondeu ao BNG que si lles ían pagar ás entidades  asociativas de Fene os máis de 23.000 € aos que se comprometerá para este ano.

A pregunta do BNG veu motivada  pola resposta que tiña dada o edil popular  no Pleno do pasado día 7 deste mes no que dixo que “ao non terse aprobados os orzamentos de 2013 non se podían pagar as subvencións nominativas”. Os nacionalistas de Fene expresamos o noso desacordo co impago das axudas polo que manifestamos a nosa oposición a toda modificación de creto se previamente non se solucionaba o pago das axudas ás entidades asociativas do concello polas actividades deste ano.

A pesar da advertencia do BNG, os populares preferiron manter un Pleno extraordinario cunha nova modificación de creto que non incluía a solución ao pagamento das subvencións. Desta teimuda posición do PP derivou o voto en contra dos nacionalistas a esta nova modificación de creto e a evidencia de que non se trataba dun farol. Dúas semanas despois rectifican e asumen que lle van dar unha solución ao pago das subvencións grazas á posición de firmeza do BNG.
 

 

mércores, 20 de novembro de 2013

O PLENO TUMBA A PREPOTENCIA DO ALCALDE DE FENE

O luns pasado o Pleno do Concello foi convocado de xeito extraordinario e urxente polo Alcalde popular Gumersindo Galego. O asunto a tratar viña a ser unha modificación de creto  para cubrir a parte municipal dunha subvención para a instalación dun parque infantil en Fene. A oposición no seu conxunto  negouse a tramitar o expediente. O Alcalde foi incapaz de ter o  apoio da maioría do Pleno a pesar da sinxeleza para atopar o acordo.

A situación do concello de Fene que conta co orzamento prorrogado de 2012 obriga en determinadas circunstancias a facer modificacións de creto  para poder executar diferentes proxectos. Un asunto que podía parecer un trámite sinxelo ven precedido da advertencia do BNG de que ou se pagaban, por parte do goberno local, as subvencións nominativas ou o BNG ía votar non a calquera outra modificación de cretos.

 As subvencións nominativas son aquelas que figuran nas Bases de execución do orzamento con nome e apelidos, como por exemplo o comedor do CEIP de Centieiras, a subvención ao funcionamento de ASPANEPS, ou actividades culturais como O Festipote, Fenerock , Xuntanza de Gaiteiros, Romaría do Camiñante descoñecido ou Felipop entre outras.

Para os nacionalistas de Fene garantir as actividades do movemento asociativo está por riba dos intereses do PP. No pleno ordinario de novembro os populares afirmaron nunha resposta ao BNG que sen orzamentos non habería subvencións nominativas.  Desde ese día  van xa dous  Plenos extraordinarios onde o BNG condicionou o seu apoio a calquera modificación de creto á modificación das  Bases de execución de 2012 e o pagamento posterior das subvencións nominativas ás entidades veciñais.
 
 

Acto en Perlío, este venres ás 20 h.