Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

mércores, 19 de marzo de 2014

Juventino Trigo asume a portavocía do BNG de Fene

 
 O grupo municipal do BNG de Fene vén de renovar a súa portavocía en favor do que fora cabeza de lista nas eleccións de 2011, Juventino Trigo. O ata agora portavoz, Manuel Polo, continúa como concelleiro e pasará a substituír ao primeiro na portavocía en caso de ausencia. 

Ademais, dentro dos cambios internos no BNG fenés, aprobados pola asemblea local, está tamén unha re-asignación das comisións municipais aos cinco membros do grupo, de xeito que sempre esté garantida a asistencia dun/dunha representante nacionalista a todas as reunións que se convoquen.

Para formalizar estes cambios, o BNG rexistrou esta semana un escrito (adxunto) no que se comunica oficialmente ao Concello a nova situación.




domingo, 2 de marzo de 2014

O BNG DENUNCIA UNHA NOVA TALA DUNHA ÁRBORE EN FENE POR PARTE DO GOBERNO DO PP

O BNG rexistra unha nova queixa por escrito ao alcalde en relación á talas de ábores no concello. Logo de máis de 31 meses de goberno do PP vense caracterizando pola tala e poda de árbores inxustificadamente.
 
Nos últimos días a concellaría de servizos procedeu á amputación dos plátanos sitos no parque de educación viaria en Barallobre, e hai dous días perpetrouse o último episodio arborícida do goberno do Concello de Fene, consistente na tala e derrubo do chopo de gran porte sito entre a Casa da Cultura e a pista da Fonte do Campo, árbore que durante decenios acompañou aos veciños de Fene en tardes soleadas e festas patronais.
 
Por isto o portavoz do BNG no concello, Manuel Polo, solicítalle ao alcalde o cese inmediato de talas e podas salvaxes que se están levando a cabo durante esta lexislatura e que están rematando co patrimonio público natural. Ademais desde o BNG pensamos que é necesario que a concellería de Medio Ambiente estea dirixida por unha persoa cun mínimo de sensibilidade medio ambiental.
 
Por último vemos necesario a elaboración dun catalogo municipal de especies arbóreas en zonas públicas, no cal, a parte de estar representadas as árbores que aínda hai nos espazos públicos, figure a protección especial das especies que polas súas características (lonxevidade, porte, rareza, escasez...) as fagan especiais. Así poderíase evitar que no futuro, baixo calquera desculpa peregrina ou absurda, algún concelleiro ou grupo de goberno deixe orfas ás novas xeneracións de poder desfrutar dun patrimonio que durante ducias de anos outros se preocuparon de plantar e coidar.