Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

xoves, 26 de novembro de 2015

O goberno de Fene prepara unha actuación integral para a seguridade viaria da Avenida Marqués de Figueroa

A concellería de Persoal, Seguridade, Formación e Emprego, en coordinación coa Policía Local de Fene, traballa na realización de varios proxectos encamiñados a mellorar a seguridade viaria nunha das arterias principais do municipio; a Avenida Marqués de Figueroa.
Mellorar a iluminación, buscar novos sistemas de sinalización lumínica dos pasos de peóns, que garantan a seguridade e tamén a sostibilidade ambiental, e reducir a velocidade nesta vía, son algunhas das actuacións previstas no proxecto que, tal e como declarou a concelleira responsable, Sandra Permuy, "dotarán a esta avenida dun equipamento adaptado ao urbanismo do século XXI; ecolóxico, seguro e moderno".
A Avenida Marqués de Figueroa rexistra desde hai anos un nivel alto de sinistros por atropelos, dado que se trata dunha vía con moita actividade comercial e de ocio e, polo tanto, moi transitada por vehículos e por peóns. Esta actuación integral buscar rematar con estes sinistros e, ao mesmo tempo, facer a rúa máis accesible e cómoda para a veciñanza.



luns, 23 de novembro de 2015

Acto no día contra a violencia machista no noso local

Un ano máis, o local do BNG de Fene abre as súas portas para conmemorar a celebración do 25 de novembro e no que toda a veciñanza ten cabida. Este ano constará da proxección dun filme enfocado na violencia que sufren as mulleres nos conflictos bélicos.

Será este mércores, o propio día 25 de novembro, a partir das 18.30 horas.
Trala longametraxe estades tod@s convidad@s, tamén como todos os anos, a uns petiscos realizados básicamente con productos desta época do ano.


Animádevos a asistir e convidar a quen vexades!!





xoves, 5 de novembro de 2015

Acto do BNG na AV de Perlío

GALIZA, A FORZA QUE NOS UNE


Baixo este lema o BNG está a facer unha serie de actos por todo o país sobre os 20 anos de presenza do bloque no Congreso e da importancia dun grupo parlamentar galego no mesmo.

Este venres ás 20:30h na Asociación Veciñal de Perlío o BNG de Fene e de Neda organizamos o noso acto, aberto a todo o mundo, e que contará coas intervencións de Bieito Lobeira, Secretario de Organización do BNG, Helena Pardo, portavoz do BNG no Concello de Neda e Juventino Trigo, alcalde de Fene.