Ingresa o teu e-mail e recibe de xeito automático todas as novas que imos subindo.

venres, 2 de xuño de 2017

O BNG AGARDA QUE O PSOE RECTIFIQUE O APOIO A UNHA MOCIÓN DE CENSURA CO PP EN FENE

Os nacionalistas de Fene, a través da súa portavoz local Digna Faraldo, amosaron a súa preocupación pola situación do PSOE na localidade. Para o BNG o PSOE na localidade foi un aliado para acadar o obxectivo de que Fene contase cun goberno alternativo ao do PP. Os incumprimentos co orzamento de 2016 levaron ao Alcalde a cesalos das súas competencias, máis desde o BNG sempre mantivemos as canles de comunicación coa organización socialista a diferentes niveis.

Lamentamos que o do portavoz local dos socialistas impedise manter un goberno forte e unhas relacións políticas propias dunha institución con 5 forzas políticas onde o equilibrio e a diplomacia deberían  ser a base para mellorar os servizos públicos e a atención á veciñanza.

En canto á posible moción de censura, é algo evidente que o PP alí onde pode compra vontades. Para os populares os custes políticos son mínimos e os beneficios moitos. O PP trata as institucións como cortellos individuais de cada un deles nos que pesan os intereses persoais e non a atención á veciñanza. A acción de goberno do BNG e IU está clarísimo que se atopa nas antípodas do PP. Nas formas e no fondo, transparencia, igualdade, rigor e traballo fronte ao favor, o caciqueo, os enchufes, as papatorias e as chapuzas. 

Para o BNG estamos no reto de pasar dous anos gobernando para o pobo ou desenmascarando ao PP e os seus aliados. Nós sabemos onde estamos e cales son as nosas funcións, e as nosas prioridades pasan pola mellora do benestar do noso pobo, favorecer espazos de liberdade e igualdade de oportunidades, mellora dos servizos públicos e un compromiso coa nosa lingua e cultura .







Ningún comentario:

Publicar un comentario