domingo, 15 de abril de 2018

O NOVO ALCALDE DE FENE CONVOCA UN PLENO URXENTE PARA REPARTIR AS DEDICACIÓNS EXCLUSIVAS

Cobrará o dobre que Juventino Trigo e paga o apoio de Somos Fene cun salario para César Castro


Unha semana despois da moción de censura de Fene, o alcalde censor, Gumersindo Galego, convoca un Pleno extraordinario e urxente para este luns ás 9 da mañá co obxectivo de repartise as dúas dedicacións exclusivas dipoñibles. Os preto de 41.500 euros brutos anuais (41.405,85 exactamente) que Juventino Trigo repartía entre parte do seu equipo de goberno (20.701 para el e 10.352 para Sandra Permuy e Justo Martínez Ardá) serán percibidos agora en exclusiva polo alcalde censor, Gumersindo Galego, que non asume ningunha competencia máis alá da coordinación do goberno, mentres que Trigo era tamén o responsable da área de Facenda, Patrimonio e Promoción Económica. A segunda dedicación exclusiva, que co anterior goberno non se adxudicou a ninguén, vai agora para o concelleiro tránsfuga de Somos Fene, César Castro, que pasa cobrar así os favores realizados.

Acláranse así os motivos da rocambolesca moción de censura que prosperou en Fene o pasado 06 de abril por orde xudicial despois de que, en agosto de 2016, o BNG explusara do goberno a Somos Fene e ao PSOE por poñer os seus intereses persoais por enriba do servizo á cidadanía. Máis alá do sobre custo do goberno censor, a demanda da dedicación exclusiva no último minuto para César Castro foi unha das razóns que fixo saltar polos aires o acordo tripartito en agosto de 2016. Naqueles días vivimos o paradoxo de que o PSOE non usaba a dedicación exclusiva que tiña de 27.701€ e ao tempo impedía que o concelleiro de Somos Fene tivese unha. 

Nin o BNG, nin o alcalde Juventino Trigo, podía encabezar un goberno no que os intereses persoais estivesen por enriba do servizo público. No BNG apostamos por unha compensación lóxica aos cargos públicos, pero en ningún caso imos antepoñer as asigancións económicas á nosa acción política. Nós non participamos nas institucións para resolver as situacións persoais dos cargos electos.

A forma de convocar, pola vía da urxencia e sen falar coa oposición, cal vai ser a liña democrática destes próximos 13 meses. O portavoz nacionalista, Juventino Trigo, afirma que "en  Fene rematou a transparencia."








Ningún comentario:

Publicar un comentario